Saturday 04 de May de 2024

O Centro Interxeracional de Arteixo celebra unha xornada de portas abertas para dar a coñecer as súas instalacións


Este equipamento conta na actualidade con 61 usuarios na residencia e 29 no centro de día

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participou hoxe na xornada de portas abertas do centro de día e residencial de Arteixo, incluídos na rede de centros de atención a persoas maiores da Xunta de Galicia.

Durante a visita, Perfecto Rodríguez destacou o bo funcionamento do centro desde a súa posta en servizo, pois é un referente na atención a persoas de máis idade e dependentes. Este equipamento, que entrou en funcionamento a comezos de ano, ten na actualidade unha ocupación de 61 usuarios na residencia e de 29 no centro de día. Ademais conta cunha escola infantil de 82 prazas.

Coa celebración desta xornada preténdese que as veciñas e veciños, ademais de familiares, coñezan as instalacións e o funcionamento do centro. No transcurso da mesma celebráronse obradoiros de produción de xabóns e de elaboración de ramiños de San Xoán. Durante a tarde, os participantes poderán desfrutar de actuacións musicais e dunha merenda.

O xerente do Consorcio subliñou a importancia da cooperación entre administracións e entidades, que, como neste caso, permitiu poñer á disposición das galegas e galegos este centro interxeneracional que facilita tanto a conciliación das familias como o coidado dos nosos maiores e pequenos. Neste sentido, recordou que este centro foi posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia, do concello de Arteixo e da Fundación Amancio Ortega que financiou a súa construción.